O proxecto "Cápsula do Tempo", é unha actividade da metodoloxía ABP (Aprendizaxe Baseada en Proxectos), que deseñamos tendo en conta as recomendacións da Xunta para este terceiro trimestre. Quen teña curiosidade por saber que tipo de aprendizaxes se consiguen a través deste proxecto, pode curiosear esta entrada.
Unha aperta.
PROXECTO CÁPSULA DO TEMPO
CPIP de Castroverde
1.
Xustificación.
Como sabedes,
debido ao peche dos centros con motivo da pandemia do Covid – 19, as instrucións,
tanto do Ministerio como da Xunta, indican que debemos dedicar o terceiro
trimestre a actividades de recuperación, repaso e reforzo ou, no seu caso,
ampliación, con actividades globalizadoras e interdisciplinares, debidamente
titorizadas. As actividades deben centrarse nas aprendizaxes e competencias
imprescindibles, evitando sobrecargar ao alumnado.
A avaliación
final das aprendizaxes do alumnado durante o curso 2019 – 2020, considerará en
conxunto, as avaliacións de todo o curso, valorando especialmente o grao de
desenvolvemento das aprendizaxes e das competencias imprescindibles previamente
definidas.
2.
Contextualización.
Seguindo tamén
instrucións da consellería, o CPIP de Castroverde, procurou acadar información
sobre o acceso ás redes de todo o alumnado do centro, co fin de procurar a
axeitada conexión ás citadas actividades de todos e cada un ou cada unha dos
alumnos e alumnas, procurando solucionar, dentro do posible, os problemas
detectados.
Unha vez
realizado este imprescindible paso, varios departamentos decidimos organizar un
proxecto interdisciplinar, que permita traballar, dunha forma o máis achegada
ao alumnado que nos sexa posible, as competencias básicas imprescindibles. As
actividades realizadas servirán para traballar as competencias básicas comúns,
e contidos varios das diferentes materias dos departamentos para os que foi
posible unirse a este proxecto.
3.
Presentación.
A Cápsula do tempo, é unha actividade interdisciplinar que, basicamente,
consiste en realizar unha serie de actividades e reunir obxectos e traballos variados,
que se introducirán nunha caixa ou recipiente, o máis hermético que nos sexa
posible, coa intención de pechalo e que poida abrirse no futuro, constituíndo
unha valiosa fonte de información, deste momento histórico que estamos a vivir.
4.
Competencias
que se traballarán desde os distintos departamentos participantes:
Comunicación lingüística:
A Comunicación
Lingüística é a habilidade para expresar conceptos, pensamentos, sentimentos,
feitos e opinións de forma oral e escrita e para interactuar lingüisticamente
dunha maneira axeitada e creativa en todos os posibles contextos sociais e
culturais, como a educación e a formación, a vida privada e profesional e o
ocio.
Inclúese a
comunicación de datos a través de mapas e imaxes (tanto a súa elaboración como
a súa interpretación), gráficos, etc., empregando do vocabulario específico
axeitadamente.
Competencia matemática e competencias
básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCCT):
A competencia
matemática é a habilidade para aplicar o razoamento matemático coa fin de
resolver diversos problemas en situacións cotiás. Baseándose no bo dominio do
cálculo, a énfase se sitúa no proceso e a actividade, aínda que tamén nos
coñecementos. A competencia matemática entraña en distintos grados, a
capacidade e a vontade de utilizar modos matemáticos de pensamento (pensamento
lóxico e espacial) e representación (fórmulas, modelos, construcións, gráficos
e diagramas). Inclúe a comparación de valores porcentuais ou absolutos, a
localización espacial ou no tempo, os esquemas mentais, etc.
A competencia
en materia científica alude á capacidade e á vontade de empregar o conxunto dos
coñecementos e a metodoloxía empregados para explicar a natureza, coa fin de
expor preguntas e extraer conclusións baseadas en probas. As competencias
científicas e tecnolóxicas entrañan a comprensión dos cambios causados pola actividade
humana e a responsabilidade de cada individuo como cidadán.
Competencia dixital (CD):
A competencia
dixital entraña o uso seguro e crítico das tecnoloxías da sociedade e da
información para o traballo, o lecer e a comunicación. Susténtase nas competencias
básicas en materia de TIC: o uso de ordenadores para obter, avaliar, almacenar,
presentar e intercambiar información, e comunicarse e participar nas redes de
colaboración a través de internet. A competencia dixital esixe unha boa
comprensión e amplos coñecementos sobre a natureza, a función es as
oportunidades das tecnoloxías da sociedade e da información en situacións
cotiás da vida privada, social e profesional. Isto leva asociado o coñecemento
das principais aplicacións informáticas, como os sistemas de tratamento de
textos, bases de datos, almacenamento e xestión da información, e a comprensión
das oportunidades e dos riscos potenciais que ofrecen Internet e a comunicación
por medios electrónicos (correo electrónico ou ferramentas de rede) para a vida
profesional, o lecer, a posta en común de información e as redes de
colaboración, a aprendizaxe e a investigación. Do mesmo xeito, as persoas deben
comprender as posibilidades que as tecnoloxías da sociedade e da información
ofrecen como ferramenta de axuda á creatividade e á innovación, e estar ao
corrente das cuestións relacionadas coa validez e a fiabilidade da información
dispoñible e dos principios legais e
éticos polos que debe rexerse o uso interactivo das tecnoloxías da sociedade e
da información.
As capacidades
necesarias inclúen: a capacidade de buscar, obter e tratar información, así
como de utilizala de maneira crítica e sistemática, avaliando a súa pertinencia
e diferenciando entre información real e virtual, pero recoñecendo ao mesmo tempo
os vínculos. As persoas deben ser quen de empregar ferramentas para producir,
presentar e comprender información complexa e ter a habilidade necesaria para
acceder a servizos baseados en Internet, buscalos e utilizalos, pero tamén
deben saber como empregar as tecnoloxías da sociedade e da información como
base do pensamento crítico, a creatividade e a innovación.
Aprender a aprender (CAA):
Aprender a
aprender é a habilidade para iniciar a aprendizaxe e persistir nela, para
organizar a súa propia aprendizaxe e xestionar o tempo e a información
eficazmente, xa sexa individualmente ou en grupos. Esta competencia implica ser
consciente do propio proceso de aprendizaxe e da necesidade de aprendizaxe de
cada un, determinar as oportunidades dispoñibles e ser quen de superar os
obstáculos coa fin de culminar a aprendizaxe con éxito. Dita competencia
significa adquirir, procesar e asimilar novos coñecementos e capacidades, así
como buscar orientacións e facer uso delas. O feito de “aprender a aprender”
fai que o alumnado se axude de experiencias vitais e de aprendizaxe anteriores
coa fin de empregar e aplicar os novos coñecementos e capacidades en moi
diversos contextos, como os da vida privada e profesional e a educación e
formación. A motivación e a confianza son cruciais para a adquisición desta
competencia.
Cómpre que
cada alumno e cada alumna teñan a capacidade de ser autónomos e autónomas, que
teñan a capacidade de saber a información que lles falta e lles interesa saber,
como buscala, que fontes de información son máis ou menos fiables, cal
información é pertinente para o que pretenden, como organizala, reflexionar
criticamente sobre ela, empregala axeitadamente, etc.
“Aprender a
aprender” esixe a adquisición das capacidades básicas fundamentais necesarias
para a aprendizaxe como a lectura, a escritura, o cálculo e as TIC. Elementos
que se traballarán con materiais propios de cada materia como textos con
vocabulario específico, mapas, gráficos, estatísticas, etc. Deben poder
concentrarse e aprender a superar os obstáculos e resolver problemas. Deben
poder aplicar o aprendido a novas situacións.
Esta
competencia é crucial para desenvolver unha capacidade crítica que lles permita
interpretar a información diverxente e orientar a súa propia aprendizaxe ao
longo de toda a vida, á luz das súas propias conviccións.
Competencias sociais e cívicas (CSC):
Estas
competencias inclúen as persoais e interculturais e recollen todas as formas de
comportamento que preparan ás persoas para participar dunha maneira eficaz e
construtiva na vida social e profesional, especialmente en sociedades cada ve
máis diversificadas, e , no seu caso, para resolver conflitos. A competencia
cívica prepara ás persoas para participar plenamente na vida cívica grazas ao
coñecemento de conceptos e estruturas sociais e políticas, e ao compromiso de
participación activa e democrática.
Os elementos
fundamentais desta competencia inclúen a capacidade de comunicarse dunha
maneira construtiva nos distintos contextos, mostrar tolerancia, expresar e
comprender puntos de vista diferentes, negociar sabendo inspirar confianza, e
sentir empatía. As persoas deben ser quen de xestionar o estres e a frustración
e de expresalos dunha maneira construtiva, e tamén de distinguir a esfera
profesional da privada.
Esta
competencia baséase nunha actitude de colaboración, na seguridade nun mesmo ou
mesma e na integridade. As persoas deben interesarse polo desenvolvemento
socioeconómico, a comunicación intercultural, a diversidade de valores e o
respecto polos outros, así como estar dispostas a superar os prexuízos e a comprometerse.
A competencia
cívica baséase no coñecemento dos conceptos de democracia, xustiza, igualdade,
cidadanía e dereitos civís.
Esta
capacidade debe axudarlles a desenvolver a habilidade para interactuar
eficazmente no ámbito público e para manifestar solidariedade e interese por
resolver os problemas que afecten á comunidade, xa sexa local ou máis ampla.
Leva asociada a participación na súa comunidade e o sentimento de pertenza a
ela.
Conciencia e expresións culturais (CCEC):
É a
apreciación da importancia da expresión creativa de ideas, experiencias e
emocións a través de distintos medios.
A expresión
cultural precisa una conciencia da herdanza cultural a escala local, nacional e
europea e do seu lugar no mundo e a importancia dos factores estéticos na vida
cotiá.
Débese traballar a apreciación e a expresión; a
apreciación e o goce das obras de arte.
A base do
respecto e da actitude aberta á diversidade da expresión cultural é unha boa
comprensión da cultura propia e un sentimento de identidade. Unha actitude
positiva baséase tamén na creatividade e
na vontade de cultivar as capacidades estéticas mediante a expresión artística
e a participación na vida cultural.
5. Metodoloxía, temporalización, grao de
consecución, procedementos e instrumentos de avaliación:
A Aprendizaxe
Baseada en Proxectos é unha metodoloxía de aprendizaxe na que cada estudante
adquire un rol activo favorecendo a motivación. O profesorado vai guiando o
proceso, propoñendo tarefas que axuden a acadar os obxectivos, realizando un
seguimento do traballo e unha avaliación formativa que oriente ao alumnado no
camiño. O proxecto debe vincularse ao
mundo real e ter unha utilidade práctica ou xerar un beneficio social. Neste
caso, o obxectivo final é facer entre todos e todas unha cápsula do tempo que
permita, nun futuro, ter fontes de información fiables sobre a situación
histórica actual froito da pandemia mundial do Covid – 19.
As fontes de
información poden ser moi variadas, e serán elaboradas polo alumnado, guiados
polo profesorado das distintas materias.
Os tipos de
fontes son moi variados:
-
Escritas: documentos públicos (BOE, DOG...) e
privados (cartas, diarios...); publicacións periódicas (prensa, folletos...),
obras literarias e científicas, etc.
-
Non escritas:
§
Orais: gravacións de entrevistas, testemuños,
cancións, poesías...
§
Materiais: obxectos cotiáns, obxectos
manufacturados...
§
Iconográficos: pinturas, debuxos...
§
Obras gráficas: mapas, gráficos, fotografías,
vídeos...
Cada fonte
deberá dar a máxima información posible, para facilitar o labor cando, no
futuro, se abra a cápsula.
Dado que non
sabemos cando poderemos incorporarnos ás clases presenciais, programaremos
tarefas e actividades pensadas para realizar quincena por quincena. Cada
departamento traballara en base aos seus propios estándares de aprendizaxe, e
decidirá o grao de consecución que se espera, os procedementos e os instrumentos
de avaliación. Esta avaliación que deberá ser fundamentalmente formativa,
continua e positiva, tal como se nos indica desde as instancias oficiais.
6.
Obxectivos
xerais do proxecto.
Os obxectivos
baséanse nos que se establecen legalmente para a etapa da Educación Secundaria:
-
Asumir responsablemente os seus deberes, incluso
en situacións extraordinarias como a que nos atopamos. Coñecer e exercer os
seus dereitos e obrigas e respectar aos demais, preparándose para unha
cidadanía democrática.
-
Desenvolver hábitos de estudo e traballo
individual ou de equipo.
-
Rexeitar a discriminación de calquera tipo e
rexeitar os estereotipos.
-
Fornecer ás súas capacidades afectivas en todos
os ámbitos da súa personalidade e nas súas relacións cos demais.
-
Desenvolver destrezas básicas no emprego das
fontes de información, para, con sentido crítico, adquirir novos coñecementos.
Adquirir unha preparación básica no campo das tecnoloxías, especialmente nas da
información e a comunicación.
-
Concibir o coñecemento científico como un saber
integrado, que se estrutura en distintas disciplinas.
-
Desenvolver un espírito emprendedor e a
confianza en si mesmo ou mesma, a participación, o sentido crítico, a iniciativa
persoal e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e
asumir responsabilidades.
-
Comprender e expresar con corrección, oralmente
e por escrito, na lingua castelá e o galego, textos e mensaxes.
-
Comprender e expresarse nunha ou máis linguas
estranxeiras de maneira apropiada.
-
Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos
da cultura e da historia propias e dos demais, así como o patrimonio artístico
e cultural.
-
Coñecer e aceptar o funcionamento do propio
corpo e dos outros, respectar as diferenzas, afianzar os hábitos do coidado e
da saúde corporais e incorporar a educación física e a práctica do deporte para
favorecer o desenvolvemento corporal e social. Coñecer e valorar a dimensión
humana da sexualidade en toda a súa diversidade. Valorar criticamente os
hábitos sociais relacionados coa saúde, o consumo, o coidado dos seres vivos e
o medio ambiente, contribuíndo á súa conservación e mellora.
-
Apreciar a creación artística e comprender a
linguaxe das distintas manifestacións artísticas, empregando diversos medios de
expresión e representación.